bUSCatermos

Características

Un dos maiores problemas aos que se enfronta unha persoa que quere resolver unha dúbida sobre léxico científico –principalmente en galego e outras linguas minorizadas pero tamén noutros idiomas– é que os dicionarios ou vocabularios a que podería acudir son pouco coñecidos, están esgotados ou é moi difícil acceder a eles.

Iso obrígao a decidir de xeito illado, sen coñecer nin valorar as recomendacións que outros fixeron antes ca el, o que provoca ás veces contradicións e inexactitudes entre as propostas que se fan para o mesmo problema terminolóxico (conceptos que non teñen un nome fixado, o uso do mesmo nome para conceptos próximos pero diferentes, conceptos que non teñen uns límites claros¼).

Para evitar estes problemas, desde o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC intentamos na medida das nosas posibilidades darlles a maior difusión aos léxicos e vocabularios que editamos, permitindo a súa consulta e descarga gratuíta a través da sección “Vocabularios e léxicos do SNL” do noso sitio web.

Como un paso máis nesta liña de facilitar a consulta do léxico especializado galego, poñemos á súa disposición o bUSCatermos.

Que é bUSCatermos?

É unha ferramenta informática que permite consultar a través dunha interface única unha base de datos de terminoloxía técnica multilingüe –aínda que se centra no galego, recóllese léxico en castelán, inglés, portugués, francés, italiano, alemán e catalán– formada a partir da compilación, tratamento e reelaboración de dicionarios e vocabularios técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo.

Ese conxunto de material pode clasificarse en tres grandes bloques:

  1. Os vocabularios e léxicos publicados polo SNL da USC

  2. Unha serie de dicionarios e vocabularios elaborados e publicados por outras persoas e colectivos, pero que consideramos moi interesante incluír, xa for pola dificultade de acceder a eles –traballos antigos, pouco difundidos, esgotados–, xa porque se centran e áreas de especialidade moi relevantes para o traballo docente e investigador dos distintos centros da USC.
    Se desexa ver unha relación detallada dos traballos incluídos, prema aquí.

  3. As fichas elaboradas no SNL coas solucións achegadas a dúbidas léxicas ou terminolóxicas concretas, xurdidas de consultas ou de traballos de asesoramento lingüístico.

Este corpus de fontes de consulta está en continuo proceso de actualización, tanto porque novos materiais entran formar parte del, como porque se reorganizan e reelaboran os xa existentes. Estas intervencións sobre os orixinais teñen unicamente a finalidade de evitar reduplicacións e contradicións, así como a de completar a información que se achegaba sobre cada concepto, pero non modifican a proposta denominativa defendida polo autor ou a autora do vocabulario que se cita: a opinión do SNL con respecto a ela queda reflectida nas Observacións que acompañan algunhas fichas, e na valoración numérica que reciben.

Só nun caso saltamos por riba de este principio, xa que adaptamos as denominacións recollidas ás prescricións das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola Real Academia Galega en xullo de 2003.

Que non é bUSCatermos?

Despois de todo o devandito, fica claro que o bUSCatermos non é –e se cadra non o será nunca– un traballo completo e equilibrado –na representatividade das áreas, na presencia das distintas linguas, nos contidos de cada ficha...– xa que o seu propio proceso de elaboración e alimentación, así como as limitacións de medios do SNL impiden que acade ese estado ideal de organización.

Por ese mesmo motivo, cando o sistema non ofrece respostas para a consulta que se lle acaba de formular, propoñémoslle ao consultante a posibilidade de dirixirse directamente ao SNL para intentar resolver a súa dúbida.

A quen se dirixe bUSCatermos?

O público ao que nos diriximos é a comunidade que forma parte da USC, de tal maneira que o sistema é totalmente accesible desde calquera ordenador conectado á rede desta institución. Ademais, tamén teñen acceso ao bUSCatermos os autores dos dicionarios e vocabularios que empregamos, en sinal de agradecemento pola cesión gratuíta do uso deses traballos.

Como colaborar con bUSCatermos?

Despois do que levamos contado, está claro que bUSCatermos é un proxecto colaborativo, que só existe na medida en que aproveita o traballo previo de moitas persoas, e que na medida en que queira medrar debe seguir estando aberto ás contribucións que todos os autores e usuarios de léxico técnico en galego nos queiran facer.

A vía máis sinxela de colaboración é o comentario crítico da información que aparece nas distintas fichas. Se quere matizar, corrixir, engadir... calquera información aparecida nunha das fichas, pode poñerse en contacto con nós para facernos chegar as súas suxestións.

Esta mesma vía pode utilizala se desexa contribuír a aumentar o volume e a amplitude do bUSCatermos coas súas propias fichas terminolóxicas, ou se desexa que engadamos na súa integridade un vocabulario ou léxico do que vostede é autor. Neste último caso, remitiríamoslle un contrasinal que lle permitiría consultar a base desde calquera ordenador conectado á Internet.

Agradecementos

O traballo que aquí se presenta non sería posible sen a colaboración dun gran número de persoas: por suposto, os autores que nos cederon os seus materiais, o persoal do SNL presente e pasado (técnicos, bolseiros e bolseiras e persoal administrativo), os técnicos da Área de Tecnoloxías da Información e a Comunicación que deseñaron as ferramentas que permiten que a base sexa hoxe consultable a distancia, e seguro que outras moitas que se nos esquecen.

Sirvan estas curtas liñas para amosarlles o noso recoñecemento polo seu traballo.

 

 


apéndices

A valoración das fichas

Como se viu nos apartados anteriores, os materiais con que traballamos teñen unha orixe moi heteroxénea (vocabularios avalados por entidades con peso normativo, vocabularios de autor, propostas neolóxicas...). Por esa razón, cremos que pode ser útil ofrecerlles aos consultantes algún tipo de indicador que os oriente sobre o grao de confianza que a priori cabe suporlles ás distintas propostas denominativas.

Con esa finalidade incluímos en cada ficha un campo Valoración que lle outorga unha puntuación segundo unha escala numérica que vai desde o 1 (fiabilidade máxima) ata o 5 (fiabilidade mínima). Dada a imposibilidade de facer unha avaliación da calidade termo a termo, optamos por vinculala á calidade dos traballos (dicionarios, vocabularios, glosarios...) en que aparecen.

Así, tomando como base diferentes traballos sobre a avaliación da calidade en terminoloxía (o proxecto Interval, os estudos recollidos no número especial 8 de La banque des mots...) elaboramos unha clasificación –que tamén intentamos emparentar con outras semellantes como a do Servizo Galego de Terminoloxía (Termigal) ou a do Termcat. O resultado final pode velo pulsando aquí.

A clasificación temática

Os termos recollidos adscríbense de maneira máis ou menos precisa á área de especialidade á que pertencen. Para iso, elaboramos unha clasificación xerárquica propia, tomando como base e adaptando aos nosos intereses tanto clasificacións de tipo xeral (Clasificación Decimal Universal, Tesauro da Unesco¼), como outras propias de iniciativas semellantes á nosa (os bancos de termos do Termcat, de Euskalterm, o Eurodicautom¼).

O resultado é unha clasificación temática duns 500 campos –que se revisa e se actualiza con frecuencia– organizada en diferentes niveis de profundidade (ata 7 nalgúns casos). O primeiro deses niveis é o que reproducimos a continuación:

A

 Matemáticas

B

 Ciencias físicas e do espacio

C

 Ciencias da terra

D

 Bioloxía

E

 Ciencias da saúde e veterinaria

F

 Agricultura, silvicultura e gandaría

G

 Pesca e acuicultura

H

 Informática, electrónica e electrotecnia

I

Construción

L

 Industria

M

 Vida doméstica. Alimentación. Hostalaría

N

 Transportes. Telecomunicacións

Ñ

 Dereito. Administración pública

O

 Economía. Empresa. Comercio

P

 Política. Socioloxía. Antropoloxía

Q

 Demografía. Xeografía. Historia

R

 Filosofía. Relixión

S

 Psicoloxía. Educación

T

 Filoloxía

U

 Ciencias da documentación e a comunicación

V

 Belas artes

X

 Deporte e lecer

Z

 Lingua xeral ou área por determinar

 

Dicionarios e vocabularios alleos incluídos en bUSCatermos

Nota: Se vostede é autor dalgún deses traballos e pola razón que for non desexa que sigan aparecendo en bUSCatermos, póñase en contacto con nós e retirarémolo decontado.

Administración da Seguridade Social (2006). Glosario de termos da Seguridade Social [en liña]

Aguilella Albella, S. et alii (1998). Manual básico de economía en galego. A Coruña, La Voz de Galicia

Alonso Pimentel, S. (1988). Vocabulario da música e espectáculos. Santiago de compostela: Xunta de Galicia

Blanco Valdés, X. L. (1993). Léxico editorial. Santiago de Compostela, Universidade

Boullón Agrelo, A. I. et alii (1990). Léxico da administración castelán-galego. A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega

Brañas Pérez, P. (1991). "Xeoloxía" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia

Candocia Pita, P.; L. Fdez. Prieto e  X. C. Sousa Fdez. (1994). Vocabulario de historia. Santiago de Compostela, Universidade

Conde Teira, M. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada." Chioglossa, 1: 121-138

Fernández Domínguez M. A. (1991). "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia

Fernández Sabín, R. (1991). Vocabulario da electricidade e a electrónica. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia

Galanes Santos, I.; M. Iglesias Alonso e L. Fontán Soliño (2007). Léxico panlatino de carretillas de almacenamento industrial. Quebec: Office québécois de la langue française / Rede Panlatina de Terminoloxía

Giménez Fernández, E. L. et alii (2004). Vocabulario de economía. Vigo, Universidade de Vigo

Gómez Guinovart, J.e  A. M. Lorenzo Suárez (1994). Vocabulario de informática galego-inglés-castelán. Vigo, Universidade

Gómez Méixome, A. (coord.); A. González Rodríguez; M. A. Solla Portela (2004) Dicionario visual da construción. [Santiago de Compostela], Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

González González, M. (respons.) (2003). Léxico panlatino do comercio electrónico. Ottawa, Rede Panlatina de Terminoloxía / Bureau de la Traduction

Guitián Rivera, X. (coord.) (2002). Vocabulario de química galego-español-inglés. Santiago de Compostela, Universidade

Hottois, G.; J.-N. Missa (dir.) (2005) Nova enciclopedia de bioética. Santiago de Compostela, Universidade. [Versión galega de L. Soto e T. Roca]

Incendios forestais: glosario [en liña]

Jiménez Aleixandre, Mª P. (1991) "Zooloxía" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia

Lahuerta Mouriño, F. e F. X. Vázquez Álvarez (2000). Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Lahuerta Mouriño, F.; F. X. Vázquez Álvarez e X. L. Rodríguez Villanueva (2002). Vocabulario multilingüe de acuicultura. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Lista de las aves de España (ES-LA-EN-CT-GL-EU), Sociedad Española de Ornitología, 2005. [Versión galega de M. Conde Teira]

Listado de denominaciones comerciales de especies pesqueras y de acuicultura admitidas en España [En liña]

López Taboada, C. (1998). Diccionario do seguro. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia-Winterthur Ibérica

Masa Vázquez, X. M. e A. B. Fortes López (coord.) (1995). Vocabulario de matemáticas. Santiago de Compostela, Universidade

Mirò Balawe, J.e  X. Fuentes Arderiu (1997). Diccionario castellano-catalán-euskera-gallego de bioquímica clínica. Barcelona, SEQC. [Versión galega de X. Varela Barreiro]

Mirò Balawe, J.e  X. Fuentes Arderiu (1997). Diccionario de biología y patología moleculares. Barcelona, SEQC. [Versión galega de X. Varela Barreiro]

Pereira González, F. (1996). Léxico de arqueoloxía. Santiago de Compostela, Universidade

Pereira González, F. (1996). Léxico de xeografía. Santiago de Compostela, Universidade

Puga Peralta, A. (2004). Glosario inglés-español-galego dun texto do ámbito da química. [Proxecto de fin de carreira] Universidade de Vigo

Reyes Oliveros, F. e C. García Gonzalez (dir.) (2002). Diccionario galego de termos médicos. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia

Rodríguez Río, X. (coord.) (2004). Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade

Rubal Rodríguez, X. (coord.) (2002). Léxico de métodos de investigación e diagnóstico en educación. Santiago de Compostela, Universidade

Ruibal Cendón, I.; X. García Cancela e X. Torres Romar (1988). "A avicultura" en Vocabulario do medio agrícola. [Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística

Ruibal Cendón, I.; X. García Cancela e X. Torres Romar (1988). "A maquinaria agrícola" en Vocabulario do medio agrícola. [Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística

Ruibal Cendón, I.; X. García Cancela e X. Torres Romar (1988). "O gando bovino" en Vocabulario do medio agrícola. [Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística

Ruibal Cendón, I.; X. García Cancela e X. Torres Romar (1988). "Os cultivos agrícolas" en Vocabulario do medio agrícola. [Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística

Ruibal Cendón, I.; X. García Cancela e  X. Torres Romar (1988). "A apicultura" en Vocabulario do medio agrícola. [Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística

Sanjuán López, A. (1991). "Bioloxía fundamental" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia

Servizo de Normalización Lingüística da USC (2006). Termos esenciais de recursos humanos. Universidade de Santiago de Compostela [en liña]

Servizo de Normalización Lingüística da USC (2007). Termos esenciais de nova economía. Universidade de Santiago de Compostela [en liña]

Sobrado Fernández, L. (ed.) (2000). Glosario de orientación escolar e profesional. Santiago de Compostela, Universidade

Souto García, M. B. (2002). Vocabulario das artes gráficas. Obradoiro de encadernación. Vigo, Universidade. [Corrección lingüística de Termigal]

Souto González, M. et alii (1998). Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura. Vigo, COAG-Concello de Vigo

VV. AA. (2001). Léxico panlatino de Internet. Ottawa: Unión Latina-Realiter-Bureau de la traduction du Canada

VV. AA. (2002). Léxico do medio (GL-ES-FR-EN-CT). Barcelona, Unión Latina-Termcat. [Corrección lingüística de Termigal]

VV. AA. (2004). Léxico do transporte turístico. Barcelona, Unión Latina-Termcat

VV. AA. (2006) Vocabulario panlatino de hemodinámica. Rede Panlatina de Terminoloxía / Associazione italiana per la terminologia [en liña]

VV. AA. (2007) Léxico panlatino de xeomática. Quebec: Office québécois de la langue française / Rede Panlatina de Terminoloxía

VV. AA. (no prelo) Léxico panlatino da difusión e a distribución do libro. Quebec: Office québécois de la langue française / Rede Panlatina de Terminoloxía

VV. AA. (no prelo) Vocabulario de medicina. Santiago de Compostela, Universidade / Consellería de Sanidade

VV. AA. (no prelo) Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria. Santiago de Compostela, Universidade / Consellaría do Medio Rural

 

 Máis sobre Consultas | Listaxes de resultados | Ficha Niveis de valoración

atrás

Servizo de Normalización Lingüística

Enviar correo ó Servicio de Normalización Lingüística

Tfno.: 981563100 Ext. 23582